Poesía entre liñas
Este ano celebramos o Día da poesía inaugurando a nosa exposición Poesía entre liñas; un proxecto colaborativo entre a Biblioteca Escolar e os Departamento de Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés, Francés e Latín do instituto e que está incluído dentro do proxecto de centro Eu protesto.
A Blackout Poetry, tamén chamada Poesía Opaca, Poesía Escura
ou Destrución Creativa,
consiste en agochar as palabras que non se precisan dunha folla de libro,
xornal, revista… e deixar visibles só aquelas que conformarán o noso poema. É unha idea orixinal do autor, debuxante e deseñador web Austin Kleon, que afirma o valor de inspirarse no traballo
dos demais para comezar o noso propio. Pero non podemos deternos aí, na mera
copia, senón que debemos intentar achegar algo que, á súa vez, sirva de
inspiración a outros.
Esta corrente
poética consiste, basicamente, en partir dun texto que xa está impreso e,
empregando un rotulador negro, ir eliminando todas cantas palabras nos sobren
para “rescatar” o poema que está agochado baixo a prosa cotiá, coma quen
descobre un tesouro enterrado. E iso vén sendo a poesía: rescatar entre o
ordinario as palabras que, unha vez xuntas, nos levarán directas ao
extraordinario; rescatar O INVISIBLE.
Comentarios
Publicar un comentario
Grazas por compartir as túas palabras neste sobreiral.