Última sesión



Hoxe pechamos por este curso as sesións do club de lectura para adultos Lendo no Galiñeiro.  Tivemos a ocasión de que nos visitase  a escritora Ana Cabaleiro, que veu falarnos da súa novela As Ramonas e nos trasladou a un mundo rural en transformación, descrito con sumo realismo e detalle, que non é máis ca un trasfondo doutras mensaxes da novela: o devezo artístico dunha muller, afogado por unha vida rutineira e prosaica, de subsistencia precaria; o refuxio familiar blindado contra as adversidades, malia estar nun lugar do que a protagonista  quere fuxir; a insubmisión da muller ao papel secundario que lle ten reservado a sociedade; a precariedade laboral;  as dependencia do automóbil no mundo rural e na vida moderna en xeral;  o rebusco nas intimidades do personaxe, cos seus proxectos desexados e co seu rancor ante un mundo que se lle derruba… Con todo isto foi configurando a personalidade de Mona Otero como unha antiheroína que non se rende na procura do seu soño, pero que presenta unha fonda contradición ao querer fuxir de todo aquilo que paradoxicamente a acaba axudando a conseguir o seu soño: a familia e a aldea.


De todo isto, e máis, nos falou a autora, establecendo cos presentes diálogos sobre as visións que cadaquén foi conformando páxina tras páxina durante a lectura dunha obra tan poliédrica. Tamén sobre a personaxe principal, pois entre os presentes houbo visións dun ser malomalísimo xunto a outras máis comprensivas e amables con el. Mesmo o seu remate foi obxecto de conxecturas, con partidarios de se foi un final redondo e feliz ou anticlimático e produto do fracaso.


En definitiva, a sinceridade persoal e o seu trato próximo e amigable fixeron un serán moi agradable no que, coma na novela, acabamos falando da vida.



Comentarios