Os lectores opinan

"Manuel Rivas veu dar o día cinco de abril unha charla ao instituto. Pareceume un home moi reflexivo con moitas historias que contar sobre unha vida moi interesante. Chamoume a atención, en especial, o seu aprecio cara á natureza que nos rodea e a súa implicación en preservala."
Gustoume tamén a forma de facer que nos interesaramos nas historias da súa infancia e como as transmitía. A historia que contou sobre a primeira lección que aprendeu na escola dada por un neno chamado Juan que se rebelou contra unha inxustiza cometida polo profesor pareceume do mellor da charla. Tamén dicir que ao longo da miña vida tiven moitas charlas de escritor@s, pero ningún me fixo sentir interese polo que dicía, mais Manuel Rivas conseguino con creces.               
"Pareceume moi entretido, aprendín moito sobre a vida de Manolo Rivas. Contounos anécdotas sobre el e o que lle pasara de novo. A min nunca me gustaron moito estas cousas, pero esta vez encantoume. Aprendín que a literatura é moito máis que escribir palabras ao azar, pois todo nela ten unha orixe e un significado".                  "Gustoume moito que viñese ao instituto para darnos unha charla porque é un gran escritor. Estivo contándonos cousas sobre contos e poemas. Polo final moita xente tiña preguntas, pero só se atreveron uns poucos, porque os demais estaban tan nerviosos que non lles saían as palabras. Cando terminou de falar notábaselle moi contento e que lle gustou estar con nós."
"Onte veu Manolo Rivas ao instituto. Foi un encontro moi especial. Contounos moitas historias, entre elas as relacionadas co toxo e a súa flor. Parceume unha charla moi interesante, aínda que creo que teriaemos que ter máis tempo para que nos contestase todas as nosas preguntas."
"Gustoume moito e pareceume interesante a charla. Gustoume o poema que recitou,"Bo", que lle dedicou ao seu avó. Pareceume moi simpático con todos nós e moi amable. "
"Pareceume unha charla moi "inspiradora", xa que me encanta a literatura, porque te transporta a outros lugares. Cando contaba as súas historias, notábase a tenrura dos seus recordos. Cando recitou o poema "Bo", notábaselle feliz e cheo de lembranzas. Tamén me gustou moito como falaba, tan tranquilo, con delicadeza ... Non sei, desprendía unha aura moi boa. Eu pensei que me ía aburrrir, pero non, encantoume."
"... cando asinaba os libros, a cada un facíalle un debuxo distinto, todos moi bonitos e curiosos, malia que en case todos debuxaba peixes.
".... Aprendín a motivación dos seus libros. Gustoume moito."
"...Foi entretido escoitalo porque daba a sensación de que estabamos falando cun home que coñeces de toda a vida."
"... emocionouse moito cando lle entregamos o ramo coa flor de toxo e os outros agasallos e cando a xente lle aplaudiu ao recibilos." 
"...Pareceume sorprendente o cariño que lle ten a Galicia e á natureza, xa que participa en moitas plataformas e asociacións en defensa da natureza."                                           
"... Aprendín que a literatura para el é a vida e tamén o debería ser para nós. "   
" ... cando contaba as historias quedabas abraiada coa súa capacidade para transportarte a elas. Tamén co seu ton de voz tenue e agradable.
"El valora moito a literatura, para el é imprescindible; e valora moito a natureza. Dixo el: " encantaríame traballar nun buque oceanográfico".
Á hora das nosas preguntas el foi moi receptivo; ante unha pregunta moi sinxela, el aproveitábaa e ofrecía moitas respostas."
"... Gustoume moito a dedicatoria que me fixo e o que debuxou no meu libro.
Alumnos de 2ºA
                                                                

"Ao principio estaba un pouco perdido e non entendía de que falaba, mais cando empezou a contar esas historias tan divertidas e campechanas eu quedei abraiado. Gustábame moito como as contaba; sentía coma se estivese a falar coa miña avoa a contarme todas esas historias que vivira ela de pequena.
"Sobre todo gustoume que dixera que se el fose pequeno gustaríalle estudar nun instituto coma o noso, pois o contorno no que está pareceulle marabilloso. Tamén creo que o noso trato foi excelente, e por iso el sentiu tanta ledicia. 
" Foi un honor escoitar falar a un escritor cuxas obras se traducen ata ao xaponés. E dos seus libros fixéronse películas"
"Molestoume un pouco que se parase tanto nos debuxos que facía cando asinaba os libros porque eu e máis xente quedamos sen a súa sinatura pois tiñamos que ir á clase."
" Coñecéndoo doume conta de que non hai que vir dunha familia rica e poderosa para chegar a ser unha icona da literatura galega e non galega ... O  que máis me achegou a el foi que era un neno de Galicia coma min e que coñecía as miñas terras"
"Pareceume unha charla moi distinta á vivida ante outros escritores... Pareceume unha persoa moi natural, que sabe como chegar ás persoas... En xeral, foi unha charla longa, pero amena, porque conseguiu levala ben e transmitir o importante que é escoitar. E o poema de "Bo" foi moi simpático á vez que profundo."   
"...O que máis me impactou foi que traballase aos quince anos nun xornal."                                                                       
                                                                                                                                    "Gustoume moito a visita que nos fixo Manolo Rivas xa que para min é un escritor moi especial ... Pareceume un bo agasallo o ramo de flores autóctonas, xa que soubo interpretalo ben. Foron curiosas e interesantes as anécdotas que contou de cando era neno, como a de que a súa avoa falaba rápido ou máis amodo segundo cosía."
"Gustoume moito. Foi moi bonito conseguir que viñese Manuel Rivas ao instituto. É un home que se enreda con cada cousa que conta ou lle preguntas, iso é importante. É un home que pode estar con persoas de todas as idades... Dicía que el sempre quedaba a escoitar conversas, que quedaba pasmado cando alguén contaba algo. El escribe nunha revista que se chama Luzes de Galiza e recomendounos que a leramos."
"... Gustoume moito como recitou o poema  baseado no avó del que case  non falaba; o que dicía era "bo" en distintos tons."
"Gustoume a súa forma de contar as historias, con sentimento e emoción; quizais, para min, a historia real do profesor que lle dá unha malleira a un compañeiro de Manolo Rivas por falar galego e usar a gheada foi un pouco forte, pero gustoume igual. Tamén me gustou  a lenda que contou do toxo: cando deus creou o toxo púxolle flores, mais veu o demo e púxolle espiñas. É un home moi agradable que sabe explicar moi ben o que quere dicir."
"...Sorprendeume a historia que contou de cando foi ao Brasil cun libro seu debaixo do brazo e un neno llo roubou. Manolo Rivas berroulle: "ese libro é meu" e o neno díxolle: " agora é meu". Isto contouno despois de que alguén lle preguntase que sentía ao ver os seus libros traducidos  a tantos idiomas. El dixo que eran unha nova vida para os libros."
Alumnos de 2º B

Comentarios