Visita de Carlos Negro



O CLUB DE LECTURA DE ALUMNADO tivo un encontro sorprendente co escritor CARLOS NEGRO, do cal leramos Makinaria e/ou Penúltimas tendencias



Estas son as algunhas das opinións a respecto do vivido con el ese día:


­Pareceume moi interesante a idea de empregar obxectos, algúns meteforicamente, para explicar mellor as súas ideas e pensamentos. Ideas coas que estou de acordo, como o concepto de liberdade física e psicolóxica, feminismo, modas e estereotipos.
Coido que deu unha clara lección de pensamento e personalidade propias, mesturadas á súa vez co punto imaxinativo da mente dun poeta.
Carlos soubo, en todo momento, manter a atención do alumnado e rematou gañándonos  a tod@s ao repartir chocolate e aconsellarnos sobre como degustalo; sen dúbida.    
SMC    3º ESO
 
O obradoiro con Carlos Negro pareceume interesante; gustoume moito a súa forma de recitar poemas. Estou moi de acordo cos seus pensamentos sobre a violencia machista e as opresións ás que están sometidas as mulleres.
RB   2º ESO


Gustoume bastante; esperábaa máis aburrida, pero tiña unha boa posta en escena e creo que intentaba ser próximo a nós facéndonos preguntas e intentando entender o noso punto de vista; tamén me sorprendeu que non só se centrou nos seus libros, senón que nos falou de poesía en xeral. Quizais se centrou máis en Penúltimas tendencias que en Makinaria.
Non creo que a charla sobre Penúltimas tendencias estivese moi acertada; creo que o do rosa e todo iso non afecta tanto aos adolescentes porque iso distínguese mellor en nenos e nenas máis cativos onde os xoguetes se son para "nenas" son rosas e adoitan ser cousas domésticas como cociñas e bonecas; e figuras de acción, dinosauros e coches para nenos.
A parte de Makinaria si estivo mellor porque o libro sérvenos para que teñamos máis coidado, xa que algúns poemas estaban inspirados en alumnos reais seus, como o título do libro, que era o alcume dun amigo dos seus alumnos.
HCG  2º ESO
 
Resultoume interesante, xa que el ten ideas diferentes a min sobre a poesía. Víase unha persoa seria, pero con sentido do humor. Notábase que xa o tiña moi ensaiado.
Gustoume que lera algún poema; gústame como os recita. Tivo que parar de falar algunha vez, pero poucas.
Foi moi divertido; gustaríame que volvese o ano que vén.

Recitounos poemas que non parecían poesía. Falou de dous libros: Makinaria e Penúltimas tendencias. "Makibaria é un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcol. Penúltimas tendencias rompe as costuras do silencio: un diario sobre unha adolescente convulsa e opaca que atopa a voz que nunca tivo".
Despois de falar destes dous libros, fíxonos un agasallo: un pouquiño de chocolate para todos.
Gustoume moito e espero que volva  outro día.
URA  2º ESO

Gustoume moito o obradoiro e o seu libro Makinaria. Pena que non puiden ler o libro Penúltimas tendencias, xa que foi do que máis falou e  que utilizou para denunciar a violencia de xénero.
Mágoa que non fose un pouco máis longa. O chocolate negro que nos deu ao final estaba moi bo.
HDF  2ºESO

O obradoiro con Carlos Negro foi divertido porque non só falaba el senón que deixaba falar aos demais; e non foi aburrido porque dicía moitas cousas. Encantoume que trouxese bonecas e que lese poemas seus e doutros poetas.
NMA  2º ESO


O obradoiro de poesía axudoume a ver as cousas doutra forma, porque eu non me dei conta do machismo que hai actualmente e estou de acordo con el, pero tampouco fai falta ser feministas. Eu creo que un termo medio sería o mellor. Pareceume un obradoiro moi interesante.
JAT  2º ESO

Gustoume porque arrincou dunha maneira moi boa e iso animoume a interesarme polo obradoiro. Gustoume cando falou sobre Penúltimas tendencias e sacou a boneca e meteuna na gaiola, xa que representaba moi ben o libro. Logo, falou menos sobre  Makinaria, pero deunos chocolate negro, que non estaba malo.
AAV  2º ESO




Onte, cando veu o escritor Carlos Negro, explicounos como creou os seus libros, por que os fixo e que quería dicir cos poemas que escribiu.
O que máis me gustou foi oílo recitar os seus poemas. Cando leu Makinaria deime conta de que non todo é festa e de que hai que ser conscientes dos teus actos. Eu non lin este, pero onte, cando escoitei o que Carlos recitaba, pareceume que o libro trata dun mozo que morre por ir  drogado conducindo un coche.
Ao rematar as dúas horas leu un poema que lle pediu a profesora Iolanda e logo comezou a asinar os libros que nós tiñamos del.
En conclusión, pareceume interesante e gustoume que aceptase vir ao noso instituto.
ACA   2º ESO

O libro gustoume moito e gústame como escribe as súas formas de pensar. Gustoume coñecelo, non o imaxinaba así; e gustoume que me asinara o libro porque me gusta ter os libros asinados polos autores.
Había momentos nos que o abradoiro parecía para nenos un pouco menores ca nós e pasou a maior parte do tempo falando de Penúltimas tendencias e case non falou de Makinaria; polo resto, gustoume o obradoiro.
IFB   2ºESO

A visita de Carlos Negro pareceume divertida, sobre todo cando nos leu o libro daquela princesa; tamén foi moi interesante no sentido de que nos ensinou a ver ese mundo "rosa" no que teñen que vivir as mulleres.
Ao final deunos chocolate negro que tivemos que saborear mentres nos lía un poema. Ao soar o timbre, Carlos descubriu  na entrada do instituto o seu recoñecemento por pisar o noso centro. Esa foi a miña parte preferida da súa visita.
APA  3º ESO



Comentarios