Encontro literario con Marta Dacosta


O 1 de outubro tivemos o pracer de ter na nosa biblioteca a Marta Dacosta. A nosa profe Iolanda dedícalle estas palabras.

        Así declarou o oráculo por boca de Marta Dacosta: “EU TAMÉN NAVEGAR”, o derradeiro verso do poema “PENÉLOPE”  de Xohana Torres; poema que abre a primeira edición da antoloxía Así fala Penélope(Unha antoloxía de xénero) de Marta Dacosta.

A poeta-profesora e profesora-poeta crea esta antoloxía de xénero que ten como obxectivo principal a visibilización da palabra das súas compañeiras na escrita e, asemade, o desexo de contaxiar a paixón pola poesía a mozas e mozos como o alumnado de 2º de Bacharelato que asistiu ao encontro coa autora o pasado 1 de outubro, na biblioteca do noso IES Valadares.

Marta Dacosta sempre consegue aprehendernos e aprendernos. Aprehéndenos co seu bo recitar, coa súa boa conexión coas persoas que a ouven, cos seus mecanismos pedagóxicos de tantos e tantos anos de docencia e, por suposto, apréndenos cunha escolla de poemas e autoras que nos levan a través de raíñas como a de Ítaca (“PENÉLOPE” de Xoana Torres), por mitos como a muller de Lot e pola crenza de que o efémero é o que permanece (“CAMIÑAN descalzas polas rochas” de Ana Romaní), por mulleres valentes da historia de Galiza como Dona Constanza (“Dona Constanza, a auga pezoñenta” de Marica Campo) por poetas como Walt Whitman (“29 DE XANEIRO DO 2022/ querida mamá: estou aprendendo a ladrar” de Olga Novo), polas violencias contra as mulleres (“ESTA mañá/encontreime co cazador” de Alicia Fernández; “ 90   60   90/ observas toda a violencia?” de Noelia Gómez), polo amor (“# Love” de Arancha Nogueira), polo sexo (“CELEBRO O NOSO RITO” de Helena Villar), pola menstruación (“A ILLA ENCARNADA” de Maite Dono), polo parto (Parir sen dor e con/pracer” de Xela Arias), polas mulleres que non queren ser princesas (“UNHA princesa é unha princesa” de Xiana Arias; “CANDO deixo de ser flor,/molesto” de Yolanda Castaño), pola visibilización das mulleres que traballan arreo en sectores pouco recoñecidos (“CEDO”  de Antía Otero; “FUTURO” de Marga Do Val) ... e  pola LIBERACIÓN (“A LIBERACIÓN” de Rebeca Baceiredo).

Grazas, Marta. O noso agradecemento está cosido cos versos do derradeiro poema do teu libro AS AMANTES DE HAMLET, que ti non incluíches na antoloxía, mais que si nos recitaches:

Prefiro ser a filla do pirata
a nena imposíbel que non peitea os cabelos,
a mesma que salta e corre
ou vence un exército.
A que rexeita belezas improbábeis
e se rende ante a liberdade 
para botarse a voar,
sen lastre, sen présa, sen bagaxe.
A que esculca nos ollos dos que pasan
e descobre almas e covas
pozos e estrelas
con que facerse ao mar.

                                                                                                  
(Texto de Iolanda Rodríguez González)





Comentarios

Popular