Xornada ALFIN para STEAM BACH

O obradoiro de ALFIN para o alumnado de STEAM BACH converteuse, curso tras curso, nun clásico na nosa biblioteca. Durante esta xornada de formación, fixemos especial fincapé na importancia de buscar información fiable en Internet, así como no valor que os libros seguen a ter como ferramenta fundamental no contexto escolar.

Para este obradoiro, tomamos como punto de partida o noso espazo web "Traballando coa información". Na primeira parte, falamos dos riscos da desinformación, da necesidade de ser cidadáns críticos coa realidade e da importancia de dispoñer de ferramentas para loitar contra os bulos e a desinformación.

Como novidade deste ano, traballamos coa IA. Primeiro, reflexionamos sobre os usos que o alumnado lle dá, para despois mostrar os seus erros e a falta de rigor informativo que pode presentar.

Tras explicar as diferentes fases para realizar un traballo de información, o alumnado, en equipos, realizou unha pequena investigación tomando como referencia unha selección de libros, culminando nun produto final. Aquí deixamos algúns destes momentos.





Comentarios

Popular