Día da Paz

Os nosos alumnos e os de Primaria 
O día 30 de xaneiro foi un día de paz no noso instituto, o IES VALADARES. Unha marea branca de nenos, nenas, rapaces e rapazas do CEIP Josefa Alonso e do CEIP Sobreira asolagou as nosas aulas, patios e corredores.

Pode parecer que estes días de celebración son só simbólicos e que de pouco serven. Quizais non teñen unha repercusión inmediata nin sorprendente, mais son unha oportunidade para darmos a coñecer mulleres e homes que coa súa iniciativa ou coa súa loita foron quen de mover montañas: aquí temos a Gandhi, Malala, Rosa Parks, Mandela, Rigoberta Menchú, Martin Luther King  .... e moitos nomes máis que engrosan a lista das pacificadoras e pacificadores.



        Este día tamén é unha oportunidade para traer á actualidade realidades que non deberiamos repetir: o apartheid, o xenocidio, a bomba atómica, a tortura, as violacións ... Deses desastres temos imaxes que perduran na memoria colectiva, mais por desgraza seguen estando nos telediarios do noso día a día: homes e mulleres atravesando miles e miles de quilómetros para fuxiren do odio, do fanatismo e da pobreza; e outros erguendo muros que nos separan non só ideoloxicamente senón fisicamente.

        Nós queremos e quixemos tender pontes e derrubar muros; por iso os maiores lémoslles poemas aos pequenos, cantamos xuntos o rap: "Se buscan valientes" de El Longui e construímos avións en misión de paz que voaron ao unísono dende as aulas ata os patios.

        Xuntos tamén cantamos e bailamos a canción de Chayanne que preparou o alumnado do colexio de Matamá: Madre Tierra en versión galega.
         "Oe
         Abre os  teus ollos
         Olla alá arriba
         e goza das cousas boas que che dá a vida... "





E finalmente unimos as mans para formar a palabra PAZ, mentres se lía o manifesto que a orientadora dos colexios escribiu para este día.


       

Foi conmovedor vernos realizando actividades xuntos, collidos da man camiñando cara ao patio e servíndolles bocadillos os grandes aos pequenos.  Sabemos que a paz tamén se constrúe día a día coas persoas que temos máis preto, con simples detalles como tratar as compañeiras e compañeiros con respecto, dando as grazas, pedindo desculpas, preguntando e contestando con amabilidade, interesándonos polos demais, achegándonos á xente en plan positivo e obsequiando a quen nos rodea co noso optimismo. 


ESA É A NOSA MENSAXE DE PAZ.



Comentarios