Lectores do exército de fume



Este luns coa presenza de Manuel Gago no noso club de lectura para adultos Lendo no Galiñeiro, quen veu acompañado d’ O exército de fume, a súa segunda e polo de agora última novela.


Resultou unha experiencia moi amena grazas á súa capacidade por espertar o interese na audiencia sobre un tema do que moitos tiñamos oído falar, pero do que apenas sabiamos cousa: os fuxidos galegos durante a posguerra civil. Da súa palabra fácil e enfeitizadora aprendemos unha lección de memoria e heroicidade, case sempre silenciada ou ocultada clandestinamente no pobo, duns homes e mulleres que máis alá da aparente paz franquista mantiveron activa a resistencia contra o fascismo xa imperante na meirande parte de Europa.


Manuel Gago asolagounos de datos, anécdotas, vivencias… que nos proporcionaron as dimensións que o activismo destas xentes, xunto coa complicidade de boa parte das xentes, conseguiron acadar nunha época en que a represión do réxime era brutal a través de espantosos crimes, moitas veces baixo a apariencia da (nova) legalidade.


Sen dúbida, logo de termos disfrutado da súa novela e escoitar a súa palabra, concordamos co autor na necesidade de que os esforzos destes heroes que sacrificaron as súas vidas non caian no esquecemento. Unha reflexión de Gago que nos quedou gravada a ferro recolle a idea de que a resistencia contra o fascismo en todos os lugares nos que existiu xa foi obxecto de recoñecemento e louvanza. Por desgraza, no noso país, como acontece con tantos outras temas relacionados coa memoria histórica, son pouco menos ca uns apestados dos que ninguén quixo saber unha vez restaurada a democracia. Un exército que se eslúe coma o fume no vento do tempo.

Comentarios