Un encontro especial


Hoxe foi un día moi especial para nós. Recibimos a visita do grupo de axudantes da biblioteca Bibliortegana do IES de Ortigueira e a parte do seu equipo de profesorado. Tres horas de viaxe para coñecernos e ver o noso traballo, unha travesía polas estradas galegas para poñerlle cara ao noso grupo de voluntariado e moita expectación e ilusión foron os ingredientes claves deste encontro. 

 

Chegaron no recreo para vivir en primeira persoa os Recreos do Sobreiral. Viron en vivo e en directo como pasamos o noso tempo de lecer. 

Improvisamos un pequeno faladoiro para conversar sobre a nosa biblioteca e sobre o noso traballo. Contámoslle como nos organizamos, que facemos, como funciona a biblioteca… 


E despois compartimos algún dos “manxares” da nosa cafetería; momento que aproveitamos para tecer redes.

Neste momento de descanso puidemos gozar da música escoitando a Xián.

Quixemos que os nosos compañeiros e compañeiras participaran da nosa biblioteca creativa e audivisual. 


Así que organizamos dous obradoiros: un de chapas e outro de marcapáxinas e convidámolos a pasar polo noso estudo de radio.

Grazas pola visita! 
Foi un pracer compartir con vós esta xornada!


Comentarios

Popular