Club de persoas adultas. Visita de Sara Vila Alonso


O día 28 de abril quedaramos con Sara Vila, mais “o apagamento” afogou “O incendio literario” que supuxo para nós esta novela e tivemos que concertar outra cita.

Sentimos coa autora e coa súa narrativa o eco desas nosas palabras “maxicamente vellas e eternamente novas” que se fan carne literaria culta nunha obra moi ben construída e cun idioma que bebeu da palabra familiar herdada.

Na avoa, vimos a intelixencia, o humor, o falar en clave, a esencia da aldea e a transmisión oral da nosa literatura. E no lado escuro dos padecementos de avoa e neta: os abusos, os pesadelos, o acoso, a anguria, a néboa, as estradas longas, as hedreiras, o abandono da terra e a perda da memoria.

Que pracer ler esta novela que nos evoca ese autor que lle dá nome ao premio co que foi galardoada: Blanco Amor. Si, Sara Vila quixo que ouvísemos as palabras de Sabeliña, mais non as da súa interlocutora, a psicóloga a quen lle conta todo o que nós estamos a escoitar.

Parabéns, Sara, foi un encontro moi enriquecedor e unha novela da que gustamos inmensamente. Como lle dixo Fina Casalderrey a Manolo Rivas, ti e a túa novela sodes “un fértil alcouve de palabras con ánima”.

“Contigho non entran os lobos, miña raíña, contigho non entran os lobos”!!!!!!

Para sempre quedas no Paseo das Estrelas Literarias do IES Valadares.


(Texto: Iolanda Rodríguez González)

Comentarios

Popular