Día das Letras Galegas 2026

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura de Begoña Caamaño, a biblioteca organizou diversas actividades para dar a coñecer a súa obra e fomentar a participación da comunidade educativa.

En primeiro lugar, realizouse un obradoiro de chapas utilizando a imaxe da autora. As chapas foron entregadas como agasallo a todas as persoas que levan prestado un libro ao longo da semana. Ademais, tamén se elaboraron chaveiros co nome de Begoña Caamaño, que tiveron unha gran acollida entre o alumnado e o profesorado. Podedes consultar máis información no apartado de Biblioteca Creativa. 



Por outra banda, preparouse unha exposición bibliográfica con libros relacionados coa autora e coa súa obra, co obxectivo de achegar ao público a súa traxectoria literaria e o seu legado cultural.

Como peche da celebración, desenvolveuse ao longo da semana o concurso “Clásicos en apuros”. Cada día emitíronse na radio escolar catro fragmentos pertencentes a obras da literatura universal. As persoas participantes debían identificar o título do libro ao que correspondía cada fragmento e, entre todas as respostas correctas, seleccionáronse os finalistas. Os tres gañadores recibiron como premio unha bolsa con diverso material para seguir desfrutando da lectura e da escritura.



Estas actividades permitiron celebrar as nosas letras dun xeito participativo e creativo, ao tempo que se promoveu o gusto pola lectura e o coñecemento da literatura.





Comentarios

Popular