Lendo no Galiñeiro, conversas na distancia próxima
O 23 de marzo de 2020 o noso club de lectura do alumnado Lendo no Galiñeiro tiñamos previsto facer unha sesión para compartir a lectura de diferentes álbums ilustrados. Como xa comentamos, o confinamento impediunos realizar esa sesión. Hoxe, a través de videoconferencia trazamos pontes lectoras desde os nosos fogares, para compartirmos o que nos transmitiron esas obras que foran seleccionadas polos nosos lectores e lectoras.
Coñecemos, deste xeito, o Diablo picudo de Las mil y una formas de la naturaleza, lembramos a obra de Klimt a través de El guardián del árbol, a saudade e a esperança ecoaron novamente coa Árvore vermelha no noso Galiñeiro, contemplamos a peculiar tipografía e a loita por “ser” de Ferdinando, revisitamos a vida de Frida con Frida Kahlo, falamos sobre A historia de Erika e reflexionamos coa delicadeza da letra d a través do Abecedario del cuerpo imaginario.
O Sobreiral da palabras cinguiu virtualmente lectoras e lectores valentes que, desde a distancia prudente, manteñen na adversidade acesa a luz que chega aos pés do monte Galiñeiro, a través de álbums ilustrados que son metáforas visuais polipétalas que cantan á diversidade, á nosa historia, ao noso sentir.
Moitas grazas por compartirdes connosco as vosas experiencias lectoras e por facerdes con elas que sexamos un pouco máis libres.
Os/As mediadores do Club de Lectura Lendo no Galiñeiro
Comentarios