Visita de Marcos Calveiro

Con Marcos Calveiro e a súa novela Fontán atravesamos esa porta que non se ve, pero que ás veces nos separa, entre as ciencias e as letras. Estamos ante unha novela cuxo protagonista é Domingo Fontán, un home de ciencia do século XIX, o topógrafo e matemático que elaborou o primeiro mapa científico de Galiza, mais tamén un amante das linguas clásicas e modernas, un home que se forma en leis, un político liberal ..., en definitiva, un ser humano que gozaba co coñecemento. 
Marcos Calveiro xa figura no noso Paseo da Literatura
Nesta novela tamén nos achegamos a eses momentos convulsos do XIX coas alternancias no poder entre liberais e absolutistas que tanto dano causaron entre a intelectualidade da época. Asistimos ao levantamento de Solís, á invasión francesa, á chegada do ferrocarril a Galiza. Vemos a Verne, á astrónoma Caroline Herschel e ao seu irmán Willliam, aos pintores Villaamil e Fierros, ao tamén científico galego Xosé Rodríguez, ao músico Haydn ...
Asemade, Marcos Calveiro é un escritor que traspasa os límites: un home de leis que escribe literatura e que gaña a vida actualmente cun café, O Badía, en Teis, preto do cruzamento dos Caños.   
Un encontro, o que tivemos, interesante e intenso. Novas nais entraron a formar parte do club. A elas dámoslles a benvida e ao grupo en xeral as grazas pola súa asistencia.
Velaquí vos deixamos unhas instantáneas e unha copia do vinilo que xa forma parte do noso paseo das estrelas literarias:





Comentarios