María Solar no club de lectura



O luns 22 de maio "roubámoslle unhas horas" a María Solar para compartilas coas lectoras e lectores dos nosos clubs de rapaces e rapazas e mais de persoas adultas.



Nunha primeira sesión falamos d'As meigas de Lupa cun público atento ás explicacións sobre a xénese da historia e con achegas da autora acerca das personaxes lendarias do libro.

No Club de adult@s o libro compartido foi "As horas roubadas", un libro con temas moi próximos ás persoas que alí estabamos: a España da Transición, os medos que nos paralizan, o amor  perdido, o amor interesado, o amor a calquera idade, a memoria, a mirada allea, a morte ...; e unha mensaxe de fondo: "hai decisións que cambian a vida".



Non deixedes de ler a dedicatoria: "Para todas as mulleres que romperon as súas ataduras e nos fixeron máis libres"  e as citas:  "Non houbo nunca máis principio que agora. Nin máis xuventude que agora. E non haberá máis perfección que agora. Nin máis inferno nin ceo que agora. Walt Whitman  "O melhor de uma verdade é o que dela nunca se chega a saber"  Vergílio Ferreira.


Dende o Equipo de Biblioteca damos as grazas a todo o profesorado, alumnado e nais e pais polo tempo dedicado á lectura e ao contacto coas escritoras e escritores que nos acompañaron ao longo do curso e que deixaron a súa sinatura no "Paseo das estrelas literarias". Foi un pracer.


Grazas ao Departamento de Plástica e ao seu alumnado por fornecernos duns marabillosos gravados para agasallar ás nosas estrelas. Xa se converteron en "marca da casa" e a tod@s deixaron abraiad@s.

Grazas a Carlos Negro, Marcos Calveiro, Rosalía Fernández Rial, Ledicia Costas e María Solar.


Comentarios