Xuntanza de clubs de manga


O pasado luns, 12 de novembro, os membros do recén fundado Club de Manga do IES Valadares, os Manganiakos, acudiron á súa primeira xuntanza, celebrada nesta ocasión no IES Alexandre Bóveda. Coma sempre, houbo unha chea de actividades, concursos, charlas… e a organización, que correu a cargo do club de manga do Coia 2, foi impecable. 
A mañá comezou co recibimento e xa axiña comezou o Torneo de Pokemon con temática de Halloween na biblioteca para uns, mentres que outros permaneceron no salón de actos para escoitar o concurso de historias de terror.



Logo comezou o concurso de Cosplay, tamén no salón de actos, en tanto que na biblioteca se celebraba o Quiz de terror, que gañou Sergio, do noso instituto.



No concurso de debuxo houbo varios participantes do noso club. Todos os que acudimos á xuntanza, recibimos á entrada un gomet que debiamos colocar sobre o debuxo que máis nos gustase. E a verdade é que non resultaba nada doado escoller.
Nos demais concursos houbo un imparcial xurado composto por Alba do Álvaro Cunqueiro, María do IES Valadares e Curro do IES A Paralaia. E seica non o tiveron nada fácil para decidir quen gañaba cada concurso.


Tiveron que tomar decisións no concurso de Cosplay e no de talentos. En ambos o público estivo entregado ante a calidade dos concursantes.


Mentres na biblioteca tiña lugar un torneo de Pictionary con personaxes manga e temática de Halloween, o escenario do salón de actos enchíase cos participantes do Random K-Pop Challenge.
Ao mediodía, houbo pausa para comer, para interactuar e para coñecerse mellor. E a tarde comezou coa entrega de premios, que estaba prevista para última hora, pero adiantouse porque algúns, coma nós, tiñamos que marchar antes de que rematase a xornada.
E tamén pola tarde houbo variedade de actividades para escoller: uns participaron na charla sobre maquillaxe de efectos especiais, mentres que outros saímos ao patio para xogar a Lobos. Finalmente non deu moito tempo e a partida quedou sen xogar. Foi unha mágoa, pero polo menos aprendemos a dinámica do xogo, e queda pendente a partida para a vindeira ocasión.

A xuntanza rematou coa representación dunha obra de teatro creada polo club de manga dos nosos anfitrións, pero por desgraza non tivemos a oportunidade de vela porque tiñamos que chegar a tempo a Valadares para coller os autobuses. 
Foi unha xornada incrible e non temos máis que palabras de agradecemento polo ben que nos acolleron no Alexandre Bóveda e polo moito que traballaron as rapazas e rapaces do seu club de manga para organizar este evento.     
  

 


Comentarios