II Concurso de creacións artísticas

Despois do bo resultado acadado polo concurso artístico do curso pasado, con representacións de magníficas obras de arte, achegámonos un ano máis para proporvos un novo concurso, no que poderán participar todos os grupos do instituto.




Co galo do centenario da BAUHAUS incluímos na nosa proposta de Club de Letras un obradoiro de camisetas inspiradas na obra das mulleres que perteceron á devandita escola artística, consonte ao Proxecto de Centro Invisibles aos ollos




Co desexo de continuarmos a traballar interdisciplinarmente con esa liña temática, queremos achegar ao resto do centro a convocatoria do II Concurso de Creacións Artísticas, que este ano propón decorar un vidro das aulas ou da entrada do centro, con motivos deste movemento artístico. Pode ser unha inspiración, partindo dunha obra de arte deste movemento, ou unha creación propia que faga alusión ao mesmo.




A proposta para este ano é a seguinte:
  • TEMÁTICA: Centenario da Bauhaus
  • PRODUTO: Decorar un vidro da aula de referencia, da aula de titoría ou da entrada do centro, cunha temática relacionada coa Bauhaus. NON SE PODERÁN REPETIR TEMÁTICAS.
    • 1º e 2ª ESO: Decorarán o vidro inmediatamente superior á porta de entrada da súa aula de referencia.
    • 3º e 4º ESO: Poderán decorar un dos vidros superiores da entrada do centro.
  • TEMAS: As mulleres na Bauhaus, un edificio da Bauhaus, mobles, plan de estudos, esquemas, símbolos, litografías, obxectos, láminas, anuncios, etc.
  • DATA MÁXIMA DE PRESENTACIÓN: Venres, 25 de marzo 2020.
  • MATERIAL: O vidro como soporte e cores (rotuladores de vidro dispoñibles na biblioteca para o uso de todos os participantes).
  • VOTACIÓN: Todos os membros da comunidade educativa (O venres antes de Semana Santa).
  • PREMIO: Aos tres primeiros clasificados entregaránselle doces.


Desexamos contar con todos/as vós e co voso alumnado. A idea é que o proxecto sexa impulsado dende as titorías, mais que poidan participar todas as profesoras e profesores do centro que o desexen, colaborando con algún grupo no que impartan clase. Grazas anticipadas a todas e todos pola vosa implicación no proxecto un ano máis. Esperamos que o resultado sexa igual de positivo que o curso pasado.




Comentarios