Proxecto Competencial en 1º de ESO
Neste curso 2024/25 Proxecto Competencial de 1º de ESO impartiuse na nosa biblioteca polas profesoras Antía Valbuena e María José Pérez Cabello. O alumnado elaborou o proxecto de Alfabetización Informacional sobre mulleres artistas que se foi estruturando durante as 3 avaliacións, cun produto final en cada unha delas.
Na 1ª avaliación fixeron a investigación As mulleres tamén PINTAN na historia a partir da pregunta: Por que (parece) que non hai mulleres na arte?
Fixeron un debate inicial e visitaron varios museos virtuais (Prado, Guggenheim...), intentando buscar cantas mulleres artistas hai expostas e cantas lles soaban.
Despois, asignouse unha artista por grupo da que tiñan que facer unha investigación da súa vida e obra e plasmala nun produto: unha presentación (Canva ou similar) da artista.
Na 2ª avaliación o alumnado converteuse en xornalistas de arte e prepararon unha entrevista para as súas mulleres artistas co título: Unha artista, unha historia.
O produto final foi a grabación dun podcast coas entrevistas ás artistas.
Por último, na 3ª Avaliación, fixeron a comunicación do coñecemento baixo o lema: Cóntallo a todo o mundo!
Así reinterpretaron unha obra da artista por parellas en formato A3 e prepararon unha exposición final. O producto final consistiu nun panel de cada artista onde se amosa todo o traballo do curso (información da artista, interpretación de 3 obras de cada unha e un código QR que leva ás entrevistas).
Un traballo espectacular!! Parabéns a alumnado e profesoras!
Comentarios