O espazo creativo gaña protagonismo na biblioteca
Este curso 2025-2026 decidimos participar na Convocatoria de Biblioteca Creativa, un programa promovido polas Bibliotecas Escolares de Galicia xunto coa Consellería de Educación. Grazas a que a nosa solicitude foi aceptada, recibimos un novo orzamento destinado a mellorar este espazo e promover o uso da biblioteca como un laboratorio de aprendizaxe, continuando coas nosas prácticas e fomentando un lugar para imaxinar e crear.
Durante o mes de xaneiro, apostamos por darlle maior protagonismo ao espazo. En primeiro lugar, pensamos nunha redistribución dos espazos para potenciar o espazo creativo, e solicitamos a colaboración do grupo de voluntariado da biblioteca, que non dubidou en achegar as súas ideas e propostas para a nova transformación da biblioteca. Man a man con elas e eles, fomos dándolle forma a este novo espazo, facéndoas e facéndoos partícipes desde o primeiro momento.
Unha vez decidida a nova ubicación, puxémonos mans á obra: mover mobiliario, limpar caixas, ordenar, facer unha listaxe de materiais e propostas, etc. Grazas a este traballo conxunto, hoxe o noso espazo creativo ten este aspecto, tal e como se pode observar nestas fotografías.
Contamos cun recuncho para a costura creativa, unha mesa na que se atopa a cortadora láser e un espazo con caixóns ben sinalizados para o material manipulativo. Na parte superior quedou organizado o material de construción xunto coa parede de LEGO. Todos estes materiais complétanse con dúas mesas de talos altos, pensadas para que o alumnado poida traballar nos seus proxectos e manualidades.
Próximamente, crearemos o noso espazo web para subir todas as novidades.




Comentarios