Ledicia Costa no IES Valadares


Hoxe foi un auténtico pracer ter con nós a Ledicia Costas. É marabilloso ver como a súa literatura esperta o interese do alumnado e do profesorado. Que unha escritora sexa obxecto de tal  admiración fainos ser optimistas sobre o papel da literatura na sociedade e sobre a súa potencialidade. E a maxia da lectura, da importancia de saber ler e o pracer que se obtén coa súa práctica están tamén nos propios personaxes dos seus libros (Violeta, Pierre, Philipot, Verne ...).



Vendo o éxito que teñen as súas "criaturas" non podemos dicir que a xente nova non le; si le, cando pousas nas súas mans obras como as de Ledicia que arrecenden e brillan, que arrecenden a comida, a flor e a mar e que brillan como o pelo de "Violeta" cando Philipot, o seu querido avó, lle acariña agarimosamente a caluga (Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta).




Ao alumnado sorpréndelles grandemente a súa capacidade de fabulación, isto é, a súa imaxinación, que se preguntan onde e como nace. A isto deu cumprida resposta no noso encontro de hoxe.


En nós espertou a capacidade creativa, de aí o traballo que exhibimos á entrada do instituto  e o agasallo que xa lle entregamos nada máis entrar no salón de actos: un gravado realizado no  noso tórculo cunha recreación dunha muller planta.


Ledicia non só quedará na nosa memoria senón tamén no noso "Paseo das estrelas literarias" do que a partir de hoxe xa forma parte e que paseniñamente vai  sendo cada vez máis longo.           


Comentarios