Facermos visibles aos ollos as mulleres da Bauhaus

No ano 2019 festexamos o centenario da creación da Bauhaus. Sabedores/as da existencia dun amplo número de mulleres vinculadas á mesma, mais invisibilizadas no canon artístico polo feito de seren mulleres, o IES Valadares incorporou, dentro do seu proxecto para o Club de Letras Anónim*s, un obradoiro de camisetas inspiradas na obra e deseños creados polas mulleres da Bauhaus.




Tomando como principios fundamentais o fomento da interdisciplinariedade e da igualdade efectiva entre homes e mulleres, o proxecto do incorporouse ás actividades organizadas dentro do Proxecto de Centro Invisible aos ollos. Durante a primeira avaliación, o alumnado de 3º da ESO das materias de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e de Lingua Castelá e Literatura realizou unha pescuda sobre a biografía e obra destas autoras, elaborando presentacións orais e un obradoiro de camisetas inspiradas na obra de, entre outras, Marianne Brandt, Lucia Moholy, Gertrud Arndt, Anni Albers, Alma Buscher, Lilly Reich, Otti Berger, Lis Beyer, Ellen Rosenberg ou Gunta Stölzl.



Despois dese primeiro contacto coa obra destas mulleres, deseñouse, para a Feira de coñecemento da Semana das Letras e das Ciencias 2020 do IES Valadares, un obradoiro impartido polo alumnado de 3º da ESO, para completar esa liña de traballo do noso club de letras. O obradoiro estaba pensado para ser realizado este venres 3 de abril de 2020, mais as circunstancias actuais impediron a súa posta en marcha. No entanto, o IES Valadares quere compartir con toda a comunidade educativa este proxecto que esperamos poida ser realizado moi pronto cos outros niveis educativos, xa que comprendemos que temos que visibilizar os nomes e logros destas mulleres, ocultas no canon artístico, que tamén moveron a sociedade da súa época e que fixeron avanzar coa súa creatividade e obra o campo das artes e do deseño.



Porque queremos vivir nun mundo máis xusto, onde se rescate a memoria das mulleres pintoras, arquitectas, escultoras, deseñadoras... invisibilizadas aos ollos da sociedade simplemente polo feito de seren mulleres.

Club de Letras Anónim*s 

Comentarios

Popular